Friday 26 de April de 2024

Esquerda Unida insta ao goberno de Cambre a asumir a súa parte de competencias para garantir un correcto funcionamento do novo curso escolar


 

Esquerda Unida de Cambre solicita ao Concello que asuma as competencias das que dispón en materia de educación, e dentro das súas posibilidades facilite o máximo posible os medios necesarios para o cumprimento dos protocolos sanitarios respecto ao COVID19, co obxectivo de garantir o dereito á educación e a protección da saúde.

O Concello non pode soamente esperar a que a Xunta actúe, en palabras da súa concelleira Olga Santos “Segundo a Lei de Bases de Réxime local, o Concello tamén dispón de competencias en materia educativa que deben ser asumidas”. “ É certo que a Xunta é a principal responsable e polas súas competencias, xoga un papel principal, pero o Concello debe asumir tamén a súa parte, aproveitar a capacidade de actuación para mellorar en todo o posible as eivas detectadas garantindo un bo desenvolvemento do curso.”

As recentes manifestacións realizadas polo alcalde Óscar G. Patiño desvinculándose completamente de calquera tipo de acción a realizar por parte do Concello, resultan unha irresponsabilidade, ademais de non ser a primeira vez que dende o Goberno de Cambre non se asumen competencias nun problema, esperando de brazos cruzados a que actúen outras Administracións.

Esquerda Unida de Cambre súmase tamén á solicitude feita pola organización a nivel galego, na que se insta á Consellería a que actúe con responsabilidade e diálogo para establecer un protocolo coa consecuente adaptación dos medios humanos e materiais.

Pola súa banda a coordinadora, Loreto Taibo, manifesta que “estamos a falar de garantir dous dereitos básicos como son a educación e a saúde, aquí non se pode escatimar”.

Por iso, a agrupación de Esquerda Unida de Cambre considera importante levar o asunto a este vindeiro pleno, no que mediante un rogo, solicita ao concello que no ámbito das súas competencias municipais, leve a cabo as medidas necesarias para garantir o cumprimento dos protocolos en materia de protección da saúde que permitan un correcto funcionamento das clases no novo curso, protexendo tamén o dereito á educación das nenas e nenos.